O noso compromiso: a transformación social
Na dinahosting sentímonos parte activa da sociedade e queremos contribuír ao seu progreso e á mellora da calidade de vida das persoas.
Apostamos pola integración
Chámanse Mónica, Brais, María, Manuel, Antía; son persoas con discapacidade intelectual. O seu futuro depende de iniciativas que lles axuden a abrirse paso cando as condicións da súa contorna máis próxima non llo permiten. É por iso que cando a Fundación para a discapacidade e emprego Juan XXIII nos convidou a colaborar co seu proxecto, non o dubidamos nin un momento.
También colaboramos coa Fundación Paideia, a Asociación AMICOS e moitas outras organizacións sen ánimo de lucro, como a Cociña Económica de Santiago de Compostela, que traballan día a día contra a exclusión social.
Apoio a institucións educativas
Encántanos colaborar con todo tipo de institucións educativas, non só proporcionándolles aloxamento gratuíto para a páxina web do seu centro, senón tamén cedéndolles servidores virtuais nos que os alumnos poden levar á práctica o aprendido e facer probas nunha contorna de traballo real. Ademais, impartimos formación sobre dixitalización, xestión de aloxamento web e dominios en diferentes másteres universitarios.
Tamén recibimos periodicamente nas nosas instalacións a grupos de ensino procedentes de centros de Educación Secundaria, Formación Profesional e talleres de emprego locais. O noso obxectivo é que coñezan in situ o funcionamento dunha empresa coma dinahosting e poidan consultarnos todas as súas dúbidas sobre o mercado laboral neste sector.
Doazón de tecnoloxía para alfabetización dixital
A través do noso programa de reutilización cedemos compoñentes que xa non usamos e que son útiles tanto para alfabetización dixital en centros educativos e colectivos sociais, como para crear postos de acceso é rede en zonas desfavorecidas.
Tamén traballamos co Grupo Digalco (Bergondo, A Coruña) para xestionar a recollida de consumibles informáticos que xa non son aptos para unha segunda vida.
Kiva: mudando vidas
Os avances en cooperativismo, medicina ou enxeñaría case nunca son de aplicación directa nas rexións que máis o necesitan. Os gravísimos contrastes que hoxe existen entre os pobos están á vista. Creamos un perfil na rede de créditos sociais Kiva e colaboramos semanalmente con centenas de persoas e comunidades de todo o mundo. Coñece as iniciativas que apoiamos.
Responsabilidade medioambiental
Queremos que dinahosting se manteña nuns niveis de eficiencia enerxética razoables polo que realizamos unha planificación tecnolóxica que optimiza todos os procesos. Os servidores cos que traballamos son moito máis eficientes, polo que conseguimos un mesmo rendemento ou superior con consumos eléctricos e un impacto ambiental moito menor.
Ademais, estamos acreditados por The Green Web Foundation como Green Hosting grazas ao uso de enerxía 100 % renovable, tanto na nosa oficina de Santiago de Compostela (A Coruña), como nos nosos centros de datos de Madrid. Reafirmámonos no noso compromiso de liderar o cambio cara a un Internet máis sostible e respectuoso co medio que nos rodea.